Sae á venda Final Fantasy XV

martes, 29 de novembro do 2016 Marcus Fernández

A meirande franquía de Square Enix estrea por fin o seu novo capítulo, e hoxe chega ás tendas o seu xogo Final Fantasy XV para PlayStation 4 e Xbox One a un prezo de 69,99 euros. Esta nova aventura abre ao xogador o mundo do príncipe Noctis, que está a viaxar en coche cos seus mellores amigos, de camiño á súa voda, cando escoita novas de que o seu país foi invadido e que el, a súa amada e o seu pai faleceron a mans do inimigo, polo que terá que xuntar as forzas necesarias para descubrir a verdade e recuperar o seu país.
Pero aínda que a trama semelle a dun xogo bélico, estamos nun universo de fantasía (Eos), de xeito que Noctis e os seus compañeiros deberán superar grandes retos nun mundo ateigado de criaturas de proporcións impensables, diversas culturas e moitas marabillas. Noctis terá que aprender a dominar armas que pode invocar nos combates, como maxia, e o poder dos seus devanceiros para proxectarse no aire sen esforzo en combates frenéticos.
Final Fantasy XV conta con elementos dabondo para satisfacer aos seareiros da saga, á vez que presentará numerosos detalles totalmente novos que permitiranlles gozar desta nova entrega que vén acompañada por outros produtos que a enriquecen, como o filme Kingsglaive (xerado por ordenador), a serie de animación Brotherhood, o xogo de pinball para dispositivos móbiles Justice Monsters Five e o xogo móbil King’s Knight: Wrath of the Dark Dragon.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE