Sae á venda Overwatch

martes, 24 de maio do 2016 Marcus Fernández

Tras unha concorrida e exitosa beta aberta, o xogo de Blizzard, Overwatch, xa non é unha promesa, e convértese en toda unha realidade ao estar dispoñible para a súa compra para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Windows de 64 bits), polo que a partires de hoxe desenvolveranse innumerables combates en liña protagonizados polos heroes máis dispares da Terra, que prometen converterse en figuras icónicas como acontece cos personaxes de xogos como League of Legeds.
Os personaxes divídense en catro categorías, que son ataque (Genji, McCree, Pharah, Reaper, Soldado 76, Tracer), defensa (Bastion, Hanzo, Junkrat, Mei, Torbjörn, Widowmaker), tanque (D.Va, Reinhardt, Roadhog, Winston, Zarya) e apoio (Lúcio, Mercy, Symmetra, Zenyatta) e o xogo tamén conta cun bo número de modos (adestramento, partida rápida, partida contra a intelixencia artificial, partida personalizada, liorta semanal e, proximamente, partida competitiva), 12 mapas con cadanseu tipo de obxectivos e un sistema de progresión de nivel que recompensará cada chanzo cunha caixa de botín (cun máximo de catro obxectos decorativos ou créditos de xogo para personalizar a aparencia ou o son dos heroes) que tamén estarán dispoñibles para a súa compra con cartos reais.
Queda agora esperar para ver a resposta do público a este novo xogo, pero todo apunta a que vai converterse en todo un fenómeno que vai resucitar o interese polos shooters en primeira persoa que ousan afastarse do camiño dos títulos do corte de Call of Duty.
Cómpre salientar que os usuarios que non teñan unha consola de nova xeración e queiran gozar deste novo xogo teñen como unha interesante opción un lote de PlayStation 4 con 1 TB de disco duro e o Overwatch por só 379,99 euros.

Tráiler das cinemáticas do xogo

PUBLICIDADE