Sae á venda o xogo de infiltración cyberpunk Deus Ex: Mankind Divided

martes, 23 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A serie de xogos Deus Ex é todo un referente do xénero cyberpunk, deixando unha importante pegada tras o seu lanzamento no ano 2000 que levou non só a que tivese secuela en 2003, senón tamén a que en 2011 fose recuperada para as consolas da anterior xeración con Deus Ex: Human Revolution, e agora a nova saga continúa con Deus Ex: Mankind Divided, xogo desenvolvido por Eidos Montreal que sitúa a acción un par de anos despois da anterior entrega e que, aínda que estaba previsto o seu lanzamento para o pasado 23 de febreiro, finalmente houbo que esperar a hoxe para ver como chega en versións para PC, PlayStation 4 e Xbox One, incluíndo esta última (por tempo limitado) os Deus Ex: Human Revolution e El eslabón perdido de Xbox 360 que grazas á retrocompatibilidade poden xogarse na nova consola.
A edición estándar do xogo de consola ten un prezo de 69,99 euros (mentres que para PC custa 20 euros menos) existindo tamén unha edición de luxo que inclúe o pase de tempada (que nos vindeiros meses achegará numeroso contido descargable que enriquecerá o xogo e ampliará a súa narrativa para alongar a súa vida).
En Deus Ex: Mankind Divided tomaremos o rol de Adam Jensen, un experimentado axente encuberto que goza de aumentos cibernéticos que terá que destapar unha conspiración a escala global no ano 2029.

Tráiler de lanzamento de Deus Ex: Mankind Divided

Pack coa PlayStation 4 de 1 TB

Dada a expectación creada por este xogo, dende Sony quixeron recibilo estreando un lote co modelo con 1 TB de disco duro da súa PlayStation 4 e o xogo distribuído por Square Enix a un prezo de 399,99 euros.

PUBLICIDADE