Samsung Pay chegará a España o 2 de xuño

mércores, 25 de maio do 2016 Marcus Fernández

Cando en marzo Abanca anunciou que estaría na primeira quenda de entidades bancarias que soportaría o sistema de pagamentos móbil Samsung Pay, parecía inminente a chegada desta solución a España, pero padeceu certos adiamentos que, tras a comunicación de que El Corte Inglés tamén incluiría a súa tarxeta neste sistema de pagamento daba a impresión de que estaban en vías de solución, como finalmente confirman nas páxinas de El País, onde aseguran que o desembarco de Samsung Pay en España será o 2 de xuño.
Deste xeito os posuidores dun Samsung Galaxy S7, S7 edge, S6, S6 edge, S6 edge+ ou Galaxy A5 (2016) poderán empregar o seu smartphone para almacenar varias das súas tarxetas bancarias no seu interior, e poder así realizar pagamentos en establecementos comerciais empregando directamente o móbil, simplificando os pagamentos para os que chega con empregar a pegada dixital para identificar ao usuario e achegar o smartphone ao TPV para completar o pagamento (que carecerá de comisións).
A introdución das tarxetas bancarias no smartphone tamén é un proceso doado, chegando con abrir a aplicación de Samsung Pay dende un terminal compatible e capturar as nosas tarxetas coa cámara do móbil, sempre que sexan de entidades que chegaran ao un acordo con Samsung para poder ligar as súas plataformas de pagamento electrónico, xa que cómpre lembrar que estamos ante unha solución de grande seguridade que precisa da colaboración das distintas entidades que interveñen na operación de pagamento con independencia dos establecementos comerciais, que só deberán contar cun TPV con NFC (que son maioría na actualidade).

PUBLICIDADE