Samsung amosará en Berlín as súas novas barras de son curvas

luns, 1 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Como complemento ás grandes pantallas as barras de son levan uns anos gañando moito peso no mercado, sendo unha das opcións preferidas polos consumidores para gozar dunha experiencia cinematográfica no fogar, de aí que Samsung decidise adaptar este produtos a outra das últimas tendencias: os televisores curvos. Deste xeito, durante esta semana a compañía surcoreana vai levar á feira IFA de Berlín as novas barras de son HW-H7500 e H7501, deseñadas para adaptarse aos televisores curvos de Samsung en tamaños de 55 e 65 polgadas.
Un dos detalles salientables destas barras de son é que poden instalarse debaixo do televisor sobre unha mesa ou incluso é posible a súa instalación na parede, onde pode servir tamén de soporte para o televisor (que non precisaría de buratos adicionais).
A barra de son ten un ancho de 42 milímetros e o mesmo radio de curvatura que os televisores curvos de Samsung (4,2 metros), o que xunto ao seu acabado de aluminio dálle un toque de calidade e distinción aos televisores cos que se instala. Ao incorporar soporte de 8.1, a barra de son curva de Samsung tamén engade un par de altofalantes para colocar nos lados, de xeito que o son chega ao espectador dende 3 puntos distintos, conseguindo unha maior sensación envolvente.

PUBLICIDADE