Samsung menciona que para o ano que vén lanzará un Galaxy Note 8

luns, 24 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A retirada do mercado do Samsung Galaxy Note7 continúa a dar que falar, e aínda que continúa sen haber unha explicación oficial sobre o motivo que levou a que varios terminais se incendiasen de xeito espontáneo especialmente nos EE.UU., a compañía deu por perdido co modelo, e decidiu retiralo de catálogo. Parecía que esta decisión ía non só erradicar o Galaxy Note7, senón a matar a toda a familia Note ante os problemas de imaxe que podería ter a marca, pero dende Samsung en Corea do Sur sorprenden con información sobre o programa de substitución dos Note7 dando conta dunha compensación que ofrecerán os compradores do dispositivo maldito: aparte da devolución do importe os compradores poderán optar por cambiar o móbil por un Galaxy S7 ou S7 edge e, para o ano que vén, poder cambialo por un Galaxy S8 ou un Galaxy Note 8 pagando só o 50% do seu prezo.
Se atendemos ao calendario habitual de Samsung, o novos S8 deberían presentarse en febreiro durante o Mobile World Congress de Barcelona, de xeito que a espera por un flamante novo modelo non debería ser moi longa, pero sorprende especialmente que dende a compañía surcoreana falen dun Note 8 cando parecía arriscado pensar na supervivencia da gama ante os problemas de imaxe e a desconfianza no consumidor provocados polos Note7.
Aínda que non hai un anuncio oficial, parece difícil que sexa un erro nunha nota de prensa oficial, polo que podemos dar por confirmado cun Samsung Galaxy Note 8 en 2017, lanzamento que moitos usuarios preferirían que non tivese que agardar a despois do verán, xa que son moitos os usuarios frustrados por non poder facerse cun Note7, especialmente en Europa, onde o último dispositivo da familia foi o Note 4 (presentado hai máis de 2 anos), e moitos incondicionais desta serie de teléfonos está impaciente por unha nova xeración dos mesmos.

PUBLICIDADE