Samsung presentou os seus novos dispositivos móbiles en Barcelona

luns, 24 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

JK Shin amosou hoxe o novo GALAXY S5

Samsung Electronics decidiu celebrar a súa grande presentación Unpacked 2014 Episode I no marco do Mobile World Congress de Barcelona, ampliando a súa familia GALAXY S cunha nova xeración que incorpora bastantes novidades no seu hardware e no seu software, e incrementando a súa interacción con accesorios persoais.
O presidente da división móbil de Samsung, JK Shin, foi o encargado de amosar ao público o Samsung GALAXY S5, asegurando que se trata dunha volta ás orixes “enfocándose en capacidades que importan á meirande parte dos nosos clientes” combinando unha cámara avanzada, unha elevada velocidade de transferencia de datos, ferramentas destinadas á práctica deportiva e resistencia física.
O GALAXY S5 incorpora a tecnoloxía LTE e Wi-Fi máis avanzada do momento, senón que tamén incorpora a prestación Download Booster, que fai que o móbil intente conectarse a través da conectividade máis rápida dispoñible sen importar onde esteamos.
Entrando polo miúdo nas especificacións do novo smartphone de Samsung, estamos ante un dispositivo cunha pantalla Super AMOLED Full HD de 5,1 polgadas, cun procesador de catro núcleos a 2,5 GHz, 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámara traseira de 16 Mpíxeles (que presume de enfoque automático rápido e de contar con HDR para fotografías e vídeo), cámara frontal de 2 Mpíxeles, certificación IP67 de resistencia á auga e ao po, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, USB 3.0, NFC, infravermellos (para poder funcionar como mando a distancia), batería de 2.800 mAh, un grosor de 8,1 milímetros e 145 gramos de peso.
Tamén destaca polo feito de que, aparte de acelerómetro, xiroscopio, sensor de proximidade, barómetro e sensor de luz ambiental, tamén conta cun escáner de pegadas dactilares (baixo a pantalla) e cun pulsímetro (xunto ao flash da cámara traseira).
Un dos detalles que permite diferenciar a este novo GALAXY S5 é a súa carcasa traseira, que estará dispoñible en varias cores (negro, branco, azul eléctrico e cobre/dourado) cun patrón de pequenas perforacións que afecta claramente tanto á estética como ao tacto do dispositivo. Chegará ao mercado con Android 4.4.2 a partir do mes de abril.


Primeiro vistazo en vídeo ao Samsung GALAXY S5

Tecnoloxía para vestir e a práctica deportiva

Pero unha das grandes apostas de Samsung dos últimos meses, os smartwatches, tamén se reforza coa chegada do GALAXY S5, pois vén acompañado por unha nova xeración de produtos GALAXY Gear. Comecemos polo GALAXY Gear 2, un reloxo intelixente cunha pantalla Super AMOLED de 1,6 polgadas cunha resolución de 320 x 320 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento Interno, Bluetooth 4.0, infravermellos, certificación IP67 con resistencia ao po e á auga, pulsímetro, podómetro, cámara de 2 Mpíxeles con enfoque automático e unha pequena sorpresa: o seu sistema operativo, en vez de ser Android como no seu modelo anterior, é Tizen. Samsung tamén venderá unha versión máis económica, o GALAXY Gear 2 Neo, que prescinde da cámara, co que consegue pasar de 68 a 55 gramos. Un detalle a salientar é que a batería de 300 mAh dos Gear 2 permítelles funcionar entre 2 e 3 días cunha única carga (mentres que o modelo do ano pasado forzaba a recargar a batería diariamente).
Estes nosos smartwatches pretenden servir para enlazarse co smartphone e poder empregalo para aceptar e ignorar chamadas e mensaxes, recibir notificacións, funcionar como mando a distancia universal, empregarse para o control multimedia e incluso pode servir como un asistente para o adestramento deportivo.
Para este último uso Samsung decidiu preparar tamén o GALAXY Gear Fit, unha pulseira deportiva que incorpora unha pantalla curva de 1,84 polgadas cunha resolución de 432 x 128 píxeles, que só pesa 27 gramos e integra unha batería de 210 mAh que permítelle funcionar entre 3 e 4 días cunha única carga. Pode comunicarse co móbil por Bluetooth 4.0, tamén conta con pulsímetro, é resistente á auga e ao po (IP67) e a súa correa pode intercambiarse. Aparte de servir como podómetro, monitor de sono e cronómetro, tamén pode empregarse para recibir notificacións (mensaxes de texto, chamadas, e-mail...), controlar a reprodución multimedia... un accesorio que busca conxugar os smartwatches coa moda dos cuantificadores de actividade, que veremos no mercado no mes de abril.

O GALAXY Gear 2 Neo será unha versión económica do Gear 2 grazas a prescindir da súa cámara
O Gear Fit preséntase como un bo accesorio para a práctica deportiva
O GALAXY Gear Fit combina smartwatch e cuantificador persoal nun único dispositivo, sumándose así a dúas tendencias actuais

PUBLICIDADE