Samsung xa produce módulos DDR4 de 128 GB

venres, 27 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Samsung anunciou o inicio da produción industrial de módulos de memoria DDR4 de 128 GB, o que supón unha importante nova para administradores de grandes servidores informáticos, que poderán gozar así de maiores capacidades de memoria nos seus equipos.
A compañía surcoreana xa innovara en 2014 introducindo no mercado as primeiras unidades DDR4 de 64 GB con tecnoloxía 3D TSV, e agora conseguen avanzar na mesma liña dobrando a capacidade destas unidades de alta velocidade e baixo consumo.
Para conseguir chegar a fabricar un módulo de 128 GB a división de unidades de memoria de Samsung tivo que integrar un total de 144 chips DDR4 dispostos en 36 paquetes de DRAM de 4 GB, contendo cada un catro chips de 20 nanómetros. Estas novas unidades conseguen velocidades de até 2.400 Mbps, o que supón dobrar o rendemento á vez que se reduce o consumo á metade, o que é unha magnífica nova para os grande servidores que cada vez esixen maiores capacidades.

PUBLICIDADE