San Simón será de novo unha illa virtual os días 27 e 28

luns, 23 de maio do 2016 Redacción

Os días 27 e 28 de maio celébrase na illa de San Simón a sexta convocatoria de NeThinking, un dos eventos do ámbito galego e estatal máis directamente orientados a albiscar futuros comunicativos a medio e longo prazo. Na sexta edición do evento participarán, unha vez máis, internautas e blogueiros referenciais (influencers), xornalistas, consultores e investigadores. A súa previsión é pór todo da súa parte para “interpretar o presente e adiviñar o futuro da era dixital”. Haberá, sinala a organización, sesións brillantes, ideas e reflexións a velocidade de vertixe. A cobertura será tamén tecnolóxica: replicarase o que alí se conte nas redes sociais e ofrecerase en streaming ao resto do mundo (achegándolle a posibilidade de interactuar cos relatores). San Simón será, de facto, unha illa virtual.
O encontro vén da man da Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Cultura. Segundo informa o departamento da Xunta referíndose a éxitos precedentes, en edicións anteriores as sesións foron seguidas por streaming desde 30 países, con gran presenza e debate tamén en Twitter. Para esta sexta edición agárdase “un novo éxito de participación internacional” e, por parte do equipo de traballo, “unha auténtica tormenta creativa da man dos veteranos desta comunidade e tamén das novas incorporacións que cada ano suman valor e calidade”.
No que atinxe ao equipo, aos membros da comunidade Nethinking uniranse “novas voces”, como por exemplo a de Marta Fernández, presentadora da primeira edición de Noticias Cuatro, unha comunicadora “con intensa actividade en redes e un debut literario no que toca, entre outras temáticas, a intelixencia artificial”, sinala a organización do evento. Tamén debuta no foro Xosé Castro, tradutor, guionista, redactor e comunicador; e máis o xornalista e escritor Noel Ceballos xornalista e experto no universo dixital. A poesía no século XXI chegará da man de Irene G. Punto, xornalista, profesora de escritura creativa e autora de varias obras de micropoesía.
Ademais, recuncarán no encontro persoeiros da comunicación e da cultura como Eduardo Arcos, fundador de Hipertextual; Antonio Delgado, xornalista especializado en innovación editorial e profesor de xornalismo de datos; Ismael El-Qudsi, experto en social media e mercadotecnia dixital; Juan Carlos Fernández Fasero, director de Zona Noroeste de SGAE ademais de físico, músico, compositor e produtor artístico, e Julián Hernández, líder de Siniestro Total ademais de escritor, guionista e comunicador en redes sociais. Tamén repiten Pepo Jiménez (creador de Memesis), Hematocrítico, Raquel Martos, Carmela Ríos (Premio Ortega y Gasset de Xornalismo Dixital, arestora responsábel de Redes Sociais en El Mundo), Joaquín Rodríguez (fundador de www.futurosdelibro.com) e Mario Tascón, mestre de linguaxe en Internet.

PUBLICIDADE