Santiago acolle en setembro un encontro internacional sobre arqueoloxía e novas tecnoloxías de prospección

martes, 14 de xullo do 2015 Redacción

Santiago vai dar acollida a finais do verán ao encontro anual da entidade Aerial Archeology Research Group, institución británica fundada en 1983 co obxectivo de impulsar a investigación en arqueoloxía a través do impulso ás tecnoloxías de exploración terrestre dende o ar. A cita en Compostela (a primeira cidade de todo o ámbito estatal que acolle a xuntanza anual da dita entidade británica) será entre o 9 e o 11 de setembro. Servirá entre outras para dar a coñecer os froitos obtidos polo dito instituto en proxectos de investigación levados a cabo en Europa, Asia e América, proxectos que se caracterizaron polo uso a esgalla de novos tecnoloxías para a prospección arqueolóxica.
O encontro está organizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), centro con sede en Santiago de Compostela e centrado en traballos científicos sobre o patrimonio cultural. O evento conta tamén co apoio da Axencia Galega de Innovación.
Prevese a asistencia dunha ampla representación dos socios da entidade británica, que traballan tanto en Europa como en América e Asia en proxectos de investigación arqueolóxica realizados botando man de imaxes de satélite, xeolocalización ou vehículos aéreos non tripulados (drons) para o desenvolvemento das prospeccións. Botando man destes recursos, sinala o CSIC, foi posíbel o achado de cidades até o agora pendentes de descubrir ou mesmo documentar sitios arqueolóxicos ameazados en áreas de conflito.
Entre os participantes figuran arqueólogos das universidades de Santiago de Compostela, Oxford ou Viena; de entidades como o Ludwing Bonzmann Institute for Archaeological Prospection e o Virtual Archaeology, e de organismos relacionados coa xestión do patrimonio como o English Heritage ou a Royal Commission for the Ancient and Historical Monuments.

PUBLICIDADE