Santiago acollerá unhas xornadas sobre as vantaxes do software libre para as nosas ONG

martes, 1 de setembro do 2015 Redacción

O software libre é un mundo de posibilidades para calquera sector ou ámbito social e económico, pero se cadra amosa unha potencialidade especial e particular para o denominado terceiro sector, que é aquela parte da nosa economía composta sobre todo por entidades sen arela de lucro. Amosar estas oportunidades do código aberto para o eido das iniciativas de responsabilidade social e de tipo solidario é o gran obxectivo dunhas xornadas previstas para o vindeiro 22 de outubro en Santiago, organizadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración con entidades como o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG/AETG). Por certo que esta xornada forma parte dun conxunto de actuacións de formación e difusión dirixidas ao ámbito das entidades non lucrativas que se van desenvolver nos meses de setembro e outubro.
O obxectivo principal é achegar ao terceiro sector experiencias de implantación e uso de solucións TIC libres “que lles permitan ás organizacións e entidades mellorar o xeito en que se xestionan, a súa operativa diaria e a súa organización”. A idea, explican os organizadores, é que grazas ao coñecemento de experiencias doutras entidades semellantes no uso de solucións libres “poidan vencer medos, resistencias ou descoñecementos respecto da programación aberta”.
Con esta actividade búscase tamén constituír un “punto de encontro” para os entes galegos sen arela de lucro (ONG, asociacións, colectivos, plataformas de voluntarios) e o sector TIC, no que poder compartir experiencias e boas prácticas no uso das novas tecnoloxías con licenza libre. Buscarase polo tanto que as fundacións, organizacións e asociacións que participen na xornada amosen as súas necesidades concretas no ámbito informático, favorecendo a achega de respostas, recursos e claves dende as empresas de código aberto da nosa terra. Segundo informa a organización fica aberto até o 14 de setembro o prazo para recibir propostas para participar nesta xornada expoñendo experiencias de migración, implantación ou asesoramento.

PUBLICIDADE