Seagate presenta novos discos duros externos para Xbox One

luns, 12 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A capacidade interna das consolas de videoxogos tende a quedar sempre cativo, pero no caso da Xbox One este problema agravouse co lanzamento do servizo de subscrición Xbox Game Pass, que facilita o acceso a un catálogo de máis dun cento de xogos, e para facilitar a instalación dun bo número de xogos de xeito simultáneo dende Seagate presentan novas unidades de disco duro externas para ampliar a capacidade das consolas de Microsoft.
A Seagate Game Drive para Xbox na súa edición especial Xbox Game Pass sae así á venda en capacidades de 2 e 4 TB a prezos de 124,99 e 179,99 euros respectivamente, incluíndo adicionalmente 1 e 2 meses de subscrición a Xbox One Pass. Aínda que non é preciso adquirir discos duros externos específicos, este tipo de unidades teñen un deseño externo que casa esteticamente coas consolas Xbox One, á vez que buscan funcionar directamente a través de USB 3.0 sen alimentación adicional, facendo moi práctico o seu uso.
Dado que o espazo ocupado polos xogos de Xbox One está habitualmente entre os 35 e os 50 GB, unha unidades de 4 TB sería dabondo para almacenar todos os xogos incluídos na subscrición de Xbox Game Pass, o que suporía unha grande comodidade para o usuario, que incluso podería levar o disco duro para empregalo noutra consola Xbox One (empregando as súas credenciais para autorizar o uso dos xogos almacenados no disco).

PUBLICIDADE