Seguen adiante este venres as actividades de Ourense ICCWeek

venres, 27 de marzo do 2015 Redacción

O produtor musical internacional Pino Sagliocco ofrecerá este venres, ás 20.15 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense unha conferencia titulada 35 anos de Rock&Roll, enmarcada no Foro La Región e convocada ao abeiro das actividades da Ourense ICCWeek. O produtor musical será presentado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Segundo avanza o organismo provincial, o carácter visionario e innovador de Sagliocco permitiulle ser o executor de boa parte dos concertos máis relevantes das últimas décadas, a nivel internacional.
O programa de actividades da Ourense ICCWeek para este venres complétase con charlas técnicas sobre produción e unha masterclass de vídeo-creación, que se desenvolverán no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.
Na sesión da mañá (de 11.00 a 14.00 horas), Gabriel Solsona (TVE) e Manuel Cora (Codicine) falarán sobre Métodos vangardistas en produción e post-produción do audio multicanle para Broadcast e Cine, mentres que pola tarde (de 16.00 a 18.00 horas), Juanjo Fernández (GnomaLab) ofrecerá unha clase mestra de Vídeo-creación e mapping.
Respecto de Ourense ICCWeek, lembrar que vén da man da Deputación de Ourense e achega actividades até este sábado 28 de marzo, xuntando emprendedores, empresarios e expertos do ámbito audiovisual e público en xeral. O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, festivais, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, aplicacións móbiles e vídeo-xogos, que se están a desenvolver no Pazo dos Deportes Paco Pazo e en diferentes vilas da provincia de Ourense.
Os obxectivos do Ourense ICCWeek son, en palabras da organización, presentar a provincia como “unha área economicamente atractiva, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais, e atraer expertos de diversos eidos tecnolóxicos e marcas de referencia para establecer e manter no tempo contactos profesionais”. Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense.

PUBLICIDADE