Seleccionados cinco proxectos na xeira de descubrimento de iniciativas do Clúster TIC Capital Network

xoves, 30 de xullo do 2015 Redacción

Onte tiña lugar a Xornada de Descubrimento de Proxectos Clúster TIC Capital Network, levada a cabo polo Clúster TIC Galicia, e nela déronse a coñecer e puxéronse en contacto a emprendedores TIC e investidores, o cal se traduciu nunha nova oportunidade para dar apoio á creación e ao medre de empresas de base tecnolóxica en Galicia. Así, presentáronse 13 proxectos dos que foron seleccionados 5 que tiveron a oportunidade de expoñer as súas ideas e modelos de negocio perante o Club de Investidores do Clúster TIC Galicia e outros investidores públicos e privados participantes na xornada. Todos os proxectos que se presentaron a esta edición, seleccionados ou non, pasarán a formar parte das iniciativas en seguimento do Club de Investidores do Clúster TIC.
Os proxectos que se presentaron na xornada de onte foron: Councilbox, que ten como obxectivo a participación e celebración de xuntas e reunións societarias a distancia; Domesting, que procura facilitar a conciliación familiar-laboral cunha ferramenta que simplifica a contratación de profesionais da atención domiciliaria; Nubings, unha solución que pretende ser un referente en IoT (Internet das Cousas) e na que se amorea o control da seguridade, comodidade e xestión enerxética do foga;. Tastelab, preséntase como unha consultora especializada no sector alimentario, poñendo na súa mira aos departamentos de mercadotecnia, calidade, produción e I+D; e Versabotics Technologies, unha startup que axiliza os procesos na robótica industrial.
A cantidade que solicitan vai dende os 50.000€ até os 450.000€ e, de xeito agrupado, a contía que buscan estes 5 proxectos é de preto de 1 millón de euros.
Cómpre dicir que no mes de novembro era constituído o Club de Investidores no que participan, até o momento, oito empresas socias: Altia Consultores, Bahía Software, Clictic, Imatia Innovation, Grupo Itelsis, JDLV Inversores, Plexus e R; que van investir, cada un, un mínimo anual de 50.000€ en startups galegas baseadas nas tecnoloxías da información e das comunicacións. Amais de apoio financeiro, o Club dá asesoramento en áreas técnicas e de xestión aos proxectos empresariais incipientes.
O primeiro investimento do Club fíxose o pasado mes de maio no proxecto empresarial CENTUM Research&Technology, unha compañía especializada no deseño, desenvolvemento e comercialización de sistemas aeronáuticos de misión, que se dirixen principalmente a operacións no ámbito das Emerxencias e a Seguridade.

PUBLICIDADE