SensorWake, o espertador olfactivo

mércores, 27 de maio do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos son varios os fabricantes que buscaron innovar no xeito de espertarnos polas mañás, optando nuns casos por crear serias molestias (como espertadores con rodas aos que hai que perseguir para apagalos) ou buscando unha experiencia agradable simulando un amencer, e neste última liña chega a Kickstarter un proxecto bastante rechamante, o SensorWake, que é un reloxo espertador que pode cargarse con aromas e que busca 50.000 euros para facerse realidade.
Esta idea chega de Guillaume Rolland, un emprendedor francés de só 18 anos de idade, que con esta idea conseguiu destacar na Feira Científica de Google de 2014 (quedando entre os 15 finalistas), e que busca facernos máis agradables as mañás permitindo que carguemos o noso espertador con noso olor favorito, que podería ser o café, croissants, o mar... ou incluso o olor do diñeiro!
Este concepto que tira proveito da memoria olfactiva materializaríase mediante cápsulas que poden empregarse até en 60 ocasións e que inicialmente estarán dispoñibles con 6 aromas distintos: almorzo continental, larpeiradas, descanso, aromaterapia fortalecente, aromaterapia vitalizante e salón VIP.
Os responsables deste proxecto aseguran que o sistema de difusión de aromas empregado nas probas realizadas conseguía espertar ao usuario en menos de 2 minutos o 99% dos casos, e para o 1% restante o espertador continuaría a ter alarma sonora, que se dispararía a 3 minutos da hora fixada para a activación do dispositivo.
Actualmente o SensorWake pode adquirirse (sempre que o proxecto complete o seu financiamento) por 80 euros incluíndo un paquete con dúas cápsula aromáticas (ou por 95 euros con 2 paquetes de 2 cápculas).

PUBLICIDADE