Setapp chega ao iPhone

martes, 17 de setembro do 2024 Marcus Fernández

A tenda de Epic Games non é a única que está a estrearse en dispositivos móbiles, senón que tamén chega a de Setapp, o popular servizo de subscrición a aplicacións e servizos, que leva anos tendo grande éxito en Mac, que agora chega a móbiles iPhone na Unión Europea que teñan iOS 17.4 ou posterior.
Setapp ofrece máis de 50 aplicacións móbiles de calidade ao prezo de 11,48 euros/mes (cun período de probas de 7 días), buscando así satisfacer a demanda de usuarios que gustan de ofertas sen custos ocultos e cunha calidade comprobada.
Setapp Mobile achega aplicacións como CleanMy Phone (para pór en orde o teléfono), ClearVPN (unha rede privada virtual doada de empregar), Riveo (que crea efectos especiais para vídeos), MonAI (para controlar as finanzas), Free your music (que transfire listaxes de reprodución entre servizos), Bookshelf (para ter controla da colección de libros) ou Optika (unha aplicación de cámara avanzada).
A súa subscrición unicamente para dispositivos móbiles pode resultar pouco atractiva, de aí que existan plans de subscrición que combinan Setapp para Mac e para iOS.