Shakira é a primeira persoa en superar os 100 millóns de seareiros en Facebook

venres, 18 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos a ver como os famosos presumen de seareiros en Twitter (plataforma na que as figuras con máis seguidores actualmente son Katy Perry, Justin Bieber e Barack H. Obama con 54,5, 52,9 e 44,1 millóns de seareiros respectivamente), o feito de que Facebook teña unha masa de usuarios máis grande permite que se poidan superar amplamente tal volume de seguidores, e a cantante Shakira está a celebrar que é a primeira persoa en superar os 100 millóns de Gústame na súa páxina de Facebook.
Este éxito pode estar xustificado en boa medida pola proximidade cos seus seareiros que a artista amosou en Facebook, onde non dubidou en anunciar que agardaba un bebé do que tamén compartiría a súa primeira fotografía, de xeito que esta complicidade veuse respondida coa fidelidade de millóns de usuarios que non dubidan en amosar o seu interese pola artista.
Dos seareiros de Shakira en Facebook podemos coñecer informacións como que 3 de cada 10 chámanse María e 1 de cada 10 José; o 57% son mulleres; o 44% teñen entre 18 e 24 anos; o 58% están solteiros; as cidades con máis seguidores serían Cidade de México, Cairo e Istambul; 8 das anotacións na páxina de Shakira terían superado os 2 millóns de Gústame; e a publicación máis compartida foi a mencionada fotografía do fillo de Shakira ao pouco de nacer (que destacaron 113.987 persoas).

PUBLICIDADE