Sharp presenta un deseño de smartphone cara ao que podería avanzar o mercado

venres, 7 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Durante a exposición tecnolóxica xaponesa CEATECH 2016 dende Sharp sorprenderon amosando o seu terminal conceptual Corner R, que viría a ser un smartphone cunha pantalla sen marcos, que tería os bordes redondeados e cun tamaño de 5,2 polgadas ofrecería unha resolución Full HD, converténdose nun dos deseños máis elegantes do mercado, aínda que sen destacar pola súa resolución (especialmente se a comparamos cos móbiles insignia de Samsung).
Na parte inferior da pantalla estarían os seus botóns virtuais, baixo os que se situaría o logotipo de Sharp, deixando claro que a tecnoloxía de pantalla que diga adeus aos bordes está bastante madura, e o camiño das curvas nos bordes está a contribuír a conseguir uns deseños moi rechamantes visualmente que poderían imporse.
Adicionalmente Sharp tamén amosou novas pantallas IGZO que serían capaces de conseguir unha resolución de 1.000 puntos por polgada, ou sexa, case o dobre dos 518 puntos por polgada do Note7, o que podería crear unha impresionante calidade de imaxe, deixando claro que Sharp non é un fabricante ao que lle trema o pulso á hora de competir con outros fabricantes de pantallas como a propia Samsung.

PUBLICIDADE