Sivsa lanza un completo software de xestión para médicos e clínicas

martes, 7 de xullo do 2015 Redacción

Este mes de xullo saíu ao mercado unha nova ferramenta informática da empresa de raizame galega Sivsa (con sede central en Vigo e integrada na asociación galega Ineo). O programa, un innovador e avanzado software de xestión clínica chamado Fénix, foi definido polos seus desenvolvedores como “unha nova maneira de entender a xestión de centros de saúde dende a nube”. Fénix, engade Sivsa, está especialmente pensando e optimizado para médicos e clínicas de pequeno tamaño.
Entre as moitas funcionalidades que pon en xogo, salienta a posibilidade de controlar e axilizar de maneira fluída e intuitiva todos os procesos que se dan na actividade diaria dun espazo de saúde, “dende a chamada do paciente para solicitar unha cita até a facturación dos servizos”. Estas e outras operacións son centralizadas por Fénix.
Ao fío do devandito e meténdonos xa no funcionamento do programa a quen dá servizo, este define dous tipos de usuarios-destinatarios, o médico e o administrativo, centrados en funcionalidades distintas. Por unha banda, o usuario administrativo encárgase da creación de pacientes, a xestión das citas, a axenda e o calendario da clínica, así como de todos os procesos de facturación. Doutra banda, o médico, con independencia de que delegue nun administrativo as devanditas funcións, pode acceder a elas en todo intre. A maiores, Fénix fornece funcionalidades específicas do médico como por exemplo a xestión de historiais médicos, as enquisas clínicas, o rexistro do diario, a emisión e e sinatura electrónica de receitas ou a creación de informes.

PUBLICIDADE