SkinTrack, a tecnoloxía que converte o noso brazo nun touchpad

venres, 6 de maio do 2016 Marcus Fernández

Para comunicarnos con dispositivos electrónicos contamos con infinidades de tecnoloxías, e no camiño da innovación neste ámbito temos ao Future Interfaces Group (FIG), un laboratorio de investigación interdisciplinar do Instituto de Interacción Humano-Ordenador da Universidade Carnegie Mellon, que entre os seus moitos inventos está a presentar agora o SkinTrack, unha solución que permite converter a nosa pel na interface táctil coa que interactuar con dispositivos como os smartwatches, evitando non só a problemática de que a súa pantalla é demasiado cativa, senón tamén o feito de que o dedo bloquearía a nosa visión da pantalla.
Para funcionar SkinTrack precisa dun anel que se coloca no dedo que pousaremos sobre o brazo, e que transmitiría un sinal de corrente alterna de alta frecuencia, que percibiríase a través de varios eléctrodos colocados nunha pulseira. Deste xeito teriamos unha solución económica, compacta, de pouco consumo e non invasiva, que de integrarse en futuros smartwatches permitiría que a interacción co reloxo vaia moito máis aló da súa pequena pantalla táctil.
Esta tecnoloxía permitiría tanto que empregásemos a pel como un teclado virtual, como unha superficie sobre a que realizar xestos táctiles ou incluso para realizar interaccións máis complexas que incluso permitirían que botásemos unha partida ao Angry Birds apuntando o disparo dos paxaros anoxados co noso dedo sobre o brazo.

Vídeo de demostración da tecnoloxía SkinTrack

PUBLICIDADE