Skype mudará as súas notificacións para que resulten menos molestas

mércores, 20 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Un dos principais problemas que experimentan historicamente os usuarios de Skype de cara a empregar tal ferramenta como algo máis que unha plataforma de videoconferencia é que, á hora de usar a aplicación para a mensaxería instantánea e empregar distintos dispositivos resulta realmente molesto ver como todos os dispositivos á vez non paran de pitar a cada notificación, converténdose nunha seria molestia, o que levou aos seus responsables a pór mans no asunto. Deste xeito, tras traballar na sincronización das mensaxes lidas dende múltiples dispositivos están xa a aplicar os cambios que fagan posible recibir só notificacións de chat no dispositivo que estamos a empregar en cada momento.
Cando un usuario estea identificado, por exemplo, nun tablet, un portátil e un smartphone, e mande unha mensaxe a un grupo de amigos dende o tablet, recibirá as notificacións de resposta só neste último dispositivo, de xeito que o resto de trebellos permanecerán en silencio, evitando o escándalo de sinais sonoras que despistaban enormemente da conversa en curso. Cando o usuario deixe de empregar activamente Skype nun dos dispositivos, volverá a recibir as notificacións en todos os trebellos, evitando así que se perda algunha mensaxe importante.
Estes cambios están xa a aplicarse nos sistemas de Skype, de xeito que en poucas semanas estarán operativas, sendo preciso contar coas últimas versións de aplicación para poder gozar desta nova prestación.

PUBLICIDADE