SmartPEME quere contar cos axentes TIC máis senlleiros da provincia

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Redacción

Este luns, 16 de xaneiro, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, reuníanse cos axentes TIC da provincia e de toda Galicia de cara a presentar as novas iniciativas do proxecto SmartPEME para asociacións empresariais, amais de amosar as canles de colaboración e sinerxía que estas poden achegar durante o seu desenvolvemento. Cómpre lembrar que SmartPEME é o programa da Deputación de Pontevedra que vai á procura de potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das Tecnoloxías da Información (TIC) e que vai paseniño abríndose a novos sectores, chegando até as persoas autónomas, os concellos e dende agora, tamén, ás asociacións empresariais e empresas provedoras TIC.
Carmela Silva sinalou que “traballaremos dun xeito moi transparente e sen ser parte activa das decisións das empresas sobre quen vai desenvolver os seus proxectos”, tendéndolles a man ás asociacións empresariais, “xa que si que imos ser parte desa colaboración coa que sumaremos sinerxías, co obxectivo de que todas e todos gañemos e que SmartPEME se converta cada vez máis nun instrumento que oferte máis posibilidades sen competir nin suplantar as empresas que se adican a iso, e conseguindo que todas as empresas e persoas emprendedoras ás que asesoramos conxuntamente consoliden os seus proxectos para poder favorecer unha cultura emprendedora e crear prosperidade económica”.
Até o de agora, SmartPEME xa realizou preto de 4.000 asesoramentos a máis de 1.900 empresas, persoas emprendedoras e autónomos e autónomas da provincia de Pontevedra.
Nas seis oficinas de SmartPEME, instaladas en Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo, estanse poñendo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis, eventos de networking trimestrais (coa participación de profesionais), a colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, a especialización sectorial dos asesores e asesoras (segundo as súas necesidades), kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, a identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e medianas empresas e o impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE