SoftBank ofrece 24.300 millóns de libras por ARM Holdings

luns, 18 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos vimos como o mercado dos procesadores informáticos foi mudando, e tras unha guerra entre AMD e Intel (gañada polo segundo), rexurdiu a vella ARM Holdings grazas aos seus procesadores cunha arquitectura moi eficiente que os facían ideais para dispositivos móbiles, abrindo un novo mercado no que Intel non foi quen de tomar unha boa posición, e en vista de que cada vez o mercado dos procesadores de baixo consumo é maior (especialmente de cara á chamada Internet das Cousas) dende o grupo xaponés SoftBank consideraron oportuno meterse no negocio e chegaron a un acordo coa británica ARM Holdings para facerse coa compañía.
Na proposta de SoftBank recóllese que pagaranse 1.700 peniques en efectivo por cada acción de ARM (actualmente cotizadas a 1.189 peniques) o que suporía un valor total de 24.300 millóns de libras esterlinas (29 millóns de euros). A operación está suxeita á aprobación pola maioría dos accionistas de ARM, e non precisaría da aprobación de ningunha entidade gobernamental, polo que é de prever que a compra estea completa en breve, supondo poucos cambios a curto prazo para a empresa británica, que manterá a súa estrutura organizativa e equipo de dirección, conservará a súa sede en Cambridge (pretendendo incluso dobrar o número de empregados no Reino Unido nun prazo de 5 anos) e confiando tamén no incremento do cadro de persoal fóra do Reino Unido.
O director xeral de SoftBank, Masayoshi Son, asegura que “esta é unha das adquisicións máis importantes que temos feito, e espero que ARM sexa un piar chave na estratexia de crecemento de SoftBank”, mentres que o director de ARM, Stuart Chambers ve con bos ollos a operación, que facilitaríalles o acceso a “todos os recursos que SoftBank ten para ofrecer, facendo posible que ARM poida acelerar o uso da tecnoloxía baseada en ARM alí onde chegue a computación”.

PUBLICIDADE