Softtek afonda na súa aposta pola nosa terra coas súas novas instalacións na Coruña

venres, 1 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Blanca Treviño, presidenta global de Softtek

A empresa mexicana Softtek vén de reforzar a súa presenza na Coruña, dende onde mantén a pleno rendemento (entre outros recursos) un centro de entrega global que serve de base de operacións europea e de canle comunicativa entre América e os mercados asiáticos. Segundo informa a propia multinacional do eido das novas tecnoloxías, esta semana inauguráronse na cidade galega as novas instalacións de Softtek no Centro de Iniciativas Empresariais Mans, un paso adiante que simboliza entre outras moitas cousas“a aposta da compañía por proseguir xerando emprego de valor en Galicia e ofrecer servizos de calidade aos seus clientes”. No acto de apertura fixeron acto de presenza, entre outros profesionais, a presidenta global de Softtek, Blanca Treviño, a conselleira delegada da compañía, Doris Seedorf, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, o presidente do Cluster TIC, Rafael Valcarce, e máis o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja.
No transcurso do acto, Treviño fixo fincapé nas fondas raizames que a empresa que dirixe ten en Galicia e máis polo miúdo na Coruña, que “foi e é o noso fogar en Europa durante máis de seis anos e que conta con profesionais de gran talento e experiencia, froito do cal é a excelencia de traballo que facemos para os nosos clientes”. E engadiu, facendo referencia a esta vontade de seguir colaborando coa nosa terra: “Hoxe reafirmamos o compromiso de xerar valor co noso equipo, clientes e comunidade”.
O novo espazo na Coruña de Softtek, unha empresa especializada no deseño e desenvolvemento de software para todo o ámbito internacional (e polo tanto unha firma que apoia os seus piares no equipo humano e no coñecemento que xera o seu traballo), “cumpre cos máis altos requirimentos de seguridade, telecomunicacións e confidencialidade da información, satisfacendo deste xeito as esixencias da industria ao tempo que se ofrece un ambiente agradable para os seus traballadores”, infórmase. Dende as novas instalacións do Centro de Entrega de Servizo de Softtek na Coruña, a multinacional continuará atendendo aos clientes corporativos de España, amais de empresas do Reino Unido, Italia, Alemaña e Francia, ás que empresta servizo mediante o modelo Near Shore, que foi concibido pola propia compañía.

PUBLICIDADE