Someterse á chantaxe do ransomware carece de garantías

xoves, 26 de maio do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses fixéronse moi populares certos casos de malware coñecidos como ransomware, que tras infectar un equipo cifran boa parte dos seus contidos para solicitar logo un rescate para a súa recuperación, e aínda que parecía que un tipo de problema que só afectaba a usuarios particulares, hai pouco soubemos dunha incidencia no Concello de Vilagarcía, e agora coméntase un caso no Kansas Heart Hospital do que pode aprenderse unha valiosa lección.
A institución sanitaria de Wichita veuse afectada, e tras recibir a correspondente solicitude de rescate, ao ver que a cantidade económica demandada era reducida, concluíron que resultaba máis barato someterse á extorsión que recorrer ao plan de continxencia, pero en resposta, en vez de recibir o contrasinal para desbloquear os ficheiros cifrados, solicitóuselles unha cantidade económica moi superior, polo que decidiron fuxir dun ciclo de chantaxes.
Temos así que entender que a recomendación de non someterse nunha a este tipo de prácticas non chega da nada, e nunca pode recomendarse o pagamento de rescates xa que non hai ningunha garantía de que os delincuentes cumpran coa súa palabra, e resulta doado quedar atrapado nas súas redes.
Ao parecer os hospitais están a converterse nun obxectivo deste tipo de ataques, e nos EE.UU., e este mesmo ano xa houbo 10 instalacións da cadea Medstar que tiveron que pechar completamente os seus sistemas informáticos ante un importante ataque. Enténdese así que cada vez resulta máis importante contar con políticas para garantir a seguridade (especialmente se temos en conta o nivel de protección que deben ter os datos relativos á saúde) que, entre outras cousas, conten cunha sólida política de copias de seguridade.

PUBLICIDADE