Sony actualiza os xogos dispoñibles a través de PlayStation Plus

mércores, 4 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Hoxe muda a oferta de xogos dispoñibles para os usuarios de PlayStation Plus sen cargo adicional, que se manteñen nunha liña moi discreta en contraste cos grandes títulos que ofrece Microsoft aos usuarios de Xbox LIVE Gold, dando a impresión de que Sony relaxou o ritmo pasada a campaña de Nadal.
Os usuarios de PlayStation 4 poderán facerse con Oddworld: New ‘n’ Tasty (valorado en 20,99 euros), un xogo que recupera un clásico da primeira PlayStation (Abe’s Oddysee) adaptado aos novos tempos, o que agradecerán os que gustasen do título orixinal; e tamén teñen dispoñible o xogo de Ubisoft Valiant Hearts: The Great War (valorado en 14,99 euros), que presenta unha aventura con estética de cómic na que se cruzan catro destinos e un amor perdido nun mundo desgarrado.
Para PlayStation 3 a oferta de xogos no Plus parece bastante alternativa, co fermoso xogo de Papo & Yo (valorado en 7,99 euros) e a aventura de misterio de Sherlock Holmes: Crimes and Punishments (valorado en 49,99 euros).
Os usuarios de PS Vita posiblemente estean máis contentos ao ver que os títulos que se ofrecen este mes, pese a non ser AAA, están moi ben valorados: OlliOlli2: Welcome to Olliwood (valorado en 9,99 euros) e CounterSpy (valorado en 12,99 euros). Ambos xogos son Cross Buy, ou sexa, que tamén poderán gozarse en PS3 e PS4.

CounterSpy é un dos xogos para PS Vita que este mes reciben os subscritores de PS Plus

PUBLICIDADE