Sony confirma que emprega a emulación para recuperar vellos xogos de PS2 na PS4

venres, 20 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Varios clásicos de Star Wars para PS2 son os primeiros xogos que ofrece Sony que integran un emulador para corren en PS4

Aínda que a PS4 non vai contar con retrocompatibilidade como si ten a Xbox One, Sony si está a preparar solucións para poder xogar a vellos títulos das dúas primeiras PlayStation, xa que a diferenza de potencia entre estas e a nova máquina é dabondo como para que as vellas consolas poidan emularse, e esta vella promesa esta semana parece confirmarse, xa que chegou ás tendas un lote de consola PS4 co xogo Star Wars Battlefront, que incluía tamén os clásicos Super Star Wars, Star Wars: Jedi Starfighter, Star Wars: Racer Revenge e Star Wars: Bounty Hunter, que poden descargarse da PlayStation Network a través dun código e dos que 3 dos mesmos eran de PlayStation 2. Dende Eurogamer analizaron estes títulos, e atoparon evidencias de que non estabamos ante unha conversión duns clásicos, senón dunha versión empaquetada na que se inclúe un emulador de PlayStation 2, que incluso melloraría os vellos xogos cando presentan elementos tridimensionais (xa que o seu renderizado faise a máis resolución que a consola orixinal, dobrando o número de píxeles tanto en vertical como en horizontal).
Desvelado que Sony xa tiña listo un emulador que corría dun xeito solvente 3 clásicos de PS2 da franquía de Star Wars parecía evidente que esta posibilidade vai explotarse masivamente nos vindeiros meses, e levantada a lebre Sony confirmou a Wired que estaban a empregar a tecnoloxía de emulación de PS2 para retomar xogos clásicos en consolas modernas, aínda que sen adiantar os seus plans futuros.
Tendo en conta que a PlayStation 2 é unha das consolas cun catálogo de xogos máis amplo de toda a historia, que os seus xogos poidan emularse na PlayStation 4 é unha grande nova, xa que amplía enormemente as posibilidade de xogo da última consola de Sony, aínda que polo momento non sabemos se tratarse de xogos que se comercializarán unicamente en formato descargable ou nalgún momento chegará a ser posible que podamos introducir un disco de PS2 na PS4 para poder botar unha partida.

PUBLICIDADE