Spin2016 comeza a súa andaina convertendo Santiago en centro neurálxico da innovación

luns, 26 de setembro do 2016 Redacción

Hoxe comeza oficialmente a semana Spin2016, unha longa listaxe de actividades a prol do emprendemento coas que se agarda dirixir as olladas innovadoras de todo Iberoamérica cara a Santiago de Compostela. O evento comeza estes días na zona monumental, entre o 26 e o 28 de setembro con actividades como un ciclo de cinema ou un combate de debuxantes, para trasladarse despois á Cidade da Cultura de Galicia, onde do 29 de setembro ao 1 de outubro celebrarase o corpo central de Spin2016, en palabras da organización “a maior cita adicada ao emprendemento universitario de Iberoamérica.
Quen está detrás?
Spin2016 está organizado pola rede universitaria RedEmprendia, Banco Santander (a través de Santander Universidades), a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia. Todas as actividades do programa son gratuítas. O evento conta ademais coa colaboración do Concello de Santiago, entre outro máis de medio centenar de entidades públicas e privadas.
Axenda audiovisual de actividades
As accións arrincan es 26 de setembro con Cinefórum Spin2016, unha serie de encontros con novos realizadores nos que se abordarán, entre outras cuestións, as claves para sacar adiante un proxecto audiovisual, “mesmo cando non se conta cun gran orzamento”. Organizado coa colaboración do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto e do Concello de Santiago, proxectaranse no Teatro Principal tres pezas audiovisuais con historias moi diferentes.
Este mesmo luns poderase ver o making of de Rendezvous, unha longametraxe de ciencia ficción de Román Santiago e Guillermo Julián. O martes será a quenda do realizador Xacio Baño e a súa curtametraxe documental Eco. O mércores 28 de setembro pechará o CineFórum Spin2016 o director e guionista colombiano Simón Mesa co seu traballo Leidi, Palma de Ouro á Mellor Curtametraxe no Festival de Cannes 2014.
Fuckup Nights
O 27 de setembro será a primeira vez que se celebren en Santiago de Compostela as Fuckup Nights (Noites do Fracaso), un movemento global nado en México en 2012 co obxectivo de servir de catarse aos “emprendedores fracasados”. A cita será no Ateneo 30 (Rúa da Virxe da Cerca, 30) a partir das 22.00 horas e contándose coa presenza da mexicana Leticia Gasca, directora e co-fundadora das Fuckup Nights e do Instituto do Fracaso, a xeito de anfitrioa.
Combate de Debuxantes
O mércores 28 será a quenda do Combate de Debuxantes, que se celebrará na Unitaria (Calzada de San Pedro, s/n) a partir das 21.30 horas e coa colaboración de Metrópoles Delirantes. Segundo informa a organización, “oito ilustradores galegos enfrontaranse ao desafío de comunicar cos seus debuxos conceptos do mundo da empresa nunha reflexión creativa e divertida sobre a complicada xerga do mundo do emprendemento e os negocios”.
Spin2016 no Gaiás
O 29 de setembro e o 1 de outubro a actividade desprázase á Cidade da Cultura de Galicia, que acollerá a máis de de 2.000 emprendedores, estudantes, investigadores, docentes, empresas ou investidores procedentes de España, Portugal e América Latina. Os asistentes terán a oportunidade de escoitar e aprender de máis de 70 personalidades do mundo da ciencia, a investigación, a empresa, a cultura ou o deporte. Entre eles, atópanse o músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous Premios Óscar á Mellor Banda Sonora por Babel e Brokeback Mountain; a escritora brasileira Premio Princesa de Asturias das Letras, Nélida Piñón; o ex-seleccionador de fútbol español, Vicente del Bosque; a Nomeada ao Premio Nobel da Paz e directora do Instituto Afgán da Aprendizaxe, Sakena Yacoobi; ou a moza emprendedora peruana Mariana Costa, cuxo traballo en favor da integración das mulleres no ámbito tecnolóxico foi eloxiado por Barack Obama e Mark Zuckeberg.
Ademais, Spin2016 apoiará os mellores proxectos emprendedores e empresas impulsados por universitarios iberoamericanos repartindo premios por un valor de 100.000 euros.
Model2Market
Spin2016 tamén vén acompañado dun programa, Model2Market, deseñado para axudar a quen está a piques de crear unha empresa. Como lembraremos, este mes de xullo tivemos a oportunidade de coñecer os emprendedores galegos seleccionados nesta iniciativa. Entre os proxectos destes emprendedores fomos quen de albiscar, grazas a iniciativas como CloudDADIS ou Cogomelo Games, o futuro inmediato do noso tecido tecnolóxico-dixital.
Obradoiros para atraer aos máis novos
Recentemente tamén dimos conto da vertente de Spin2016 para atraer aos máis novos dos novos emprendedores. Para isto, desenvolveranse contra o final da semana unha serie de obradoiros nos que descubriren e experimentaren coa tecnoloxía. No marco do programa que vai do 29 de setembro ao 1 de outubro, no Gaiás, escolares de 8 a 12 anos poderán achegarse dunha forma creativa ao concepto do Design Thinking a través de talleres de programación, robótica e modelado 3D. Os obradoiros contan con até 400 prazas e están deseñados tendo en conta o programa curricular dos cursos aos que están dirixidos e en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e Paideia.
Así, os días 29 e 30 de setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá o Obradoiro de Programación con Scratch, que lles permitirá aos escolares programar a súa propia aplicación de realidade virtual ou conectar un videoxogo cun dispositivo robótico.
Tamén se vai desenvolver o obradoiro de Electrónica divertida, no que poderán construír o seu propio artbot ou programar unha secuencia musical.
Entre os obradoiros escolares que formarán parte do Spin2016 está tamén a Programación de vehículos robóticos, espazo no que os pequenos programarán o seu propio vehículo robótico; e o de Impresión 3D, para realizar os seus propios deseños e imprimir unha peza que levar a casa.

PUBLICIDADE