Stabri: o boneco galego que viaxa polo mundo grazas á Internet

luns, 7 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Redes sociais hai de todo tipo, e algunhas das máis orixinais teñen o seu xermolo na nosa terra. Como por exemplo a que deu como resultado ao boneco <a href="http://www.stabri.com/">Stabri, un personaxe de trapo que <a href="http://www.xornal.com/artigo/2010/06/05/sociedad/ciencia-y-tecnologia/boneco-trapo-navega-na-rede/2010060501492901655.html">ten amosado ao longo destes meses máis mobilidade que calquera dos da súa especie, se cadra coa excepción dos ananiños de Amelie. De feito, no se currículo xa figura ter pasado xa por 20 cidades de seis países diferentes nun prazo de ano e medio, e contando para o seu itinerario (para levalo dun sitio a outro) coa axuda das usuarias e usuarios da rede social.
O boneco, que anda estes días por Cangas do Morrazo, ten por así dicilo nacionalidade galega, malia a súa clara tendencia a universalizarse. De feito, foi posto en marcha por xente de aquí, máis polo miúdo por Ángel Tellez e Mariano Munuera, dous profesionais das redes que buscan con esta iniciativa adaptar á Internet as abraiantes posibilidades de comunicación das mensaxes botadas ao mar ou do book-crossing (libros compartidos por xente de todo o mundo, viaxando dunha beira a outra).
Entre outras cousas, isto implica que se poidan seguir na dita rede e con todo detalle as andainas de Stabri (interactuando coas persoas que o adoptan), posuidor neste intre duns 160 amigos no Facebook ou de 260 no Tuenti. Por certo que tamén dispón de espazo na rede social galega Ipoki.
As posibilidades de interactuación non se pechan aí, nese caderno de bitácora achegado ao mundo por quen o ten baixo teito nun intre determinado, senón que se enriquecen cos comentarios dos restantes internautas, entre os que se contan os que xa o tiveron, os que queren telo e os que só queren saber del e, de xeito indirecto, de quen o ten.
Para convidar ao boneco ao noso fogar teríamos que poñer en xogo unha serie de disposicións: por unha banda ter paciencia (o boneco pode tardar en chegar) e pola outra usar os condutos específicos na rede social para chamalo (deixando unha mensaxe con convite, proposta de día e hora e datos persoais incluídos).
A iniciativa, cuxo obxectivo é o mesmo có de calquera xogo que se faga en colectividade e con espírito solidario, xa pasou pola nosa terra en varias ocasións, incluíndo unha visita a un colexio da Rúa, onde se puxo en práctica o potencial do boneco para mellorar o coñecemento en xeografía, culturas e redes que atesoura quen se fai cargo del.