Stan Lee inspira un videoxogo para dispositivos móbiles

xoves, 26 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos unha das figuras máis coñecidas do mundo da banda deseñada, Stan Lee, conseguiu ser recoñecido polas novas xeracións grazas ás súas discretas aparicións nas películas cinematográficas da Marvel, e o vindeiro 19 de marzo vai levar a súa marca un paso máis adiante estreando videoxogo móbil: Stan Lee’s Hero Command.
Trátase dun beat’em up en terceira persoa para iOS e Android que están a desenvolver F84 Games e PÖW! Entertainment, e que explotará a fórmula do free-to-play nun novo mundo de heroes e viláns creado coa colaboración do propio guionista de cómics Stan Lee.
No xogo poderemos elixir a 1 dos 3 superheroes (aos que se engadirán máis no futuro) que protagonizan este título para seguir as ordes de Lee, quen tamén cede a súa voz a esta produción para dispositivos móbiles que actualmente está en fase de probas, na que é posible participar contactando con F84 Games remitindo un correo electrónico a feedback@f84games.com.


Vídeo de adianto do novo xogo de F84 Games

PUBLICIDADE