TEDxRúaSanFroilán pechará a actual edición de EmpregaTIC en Lugo

mércores, 11 de xaneiro do 2017 Redacción

A edición actual do obradoiro EmpregaTIC do Concello de Lugo, destinado a achegar formación tecnolóxico-dixital á mocidade local co fin de incrementar a súa empregabilidade, vaise pechar cun evento que inserirá a cidade galega nos escenarios de desenvolvemento das prestixiosas charlas TED. O punto e final do dito obradoiro, a xuntanza TEDxRúaSanFroilán, será o vindeiro 11 de marzo no MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo). O evento foi dado a coñecer pola concelleira de Economía e Emprego, Ana Prieto. Na presentación, a edil estivo acompañada polo equipo do obradoiro EmpregaTIC do Concello, que obtivo a licenza para traer á cidade de Lugo por primeira vez as charlas TEDx, formato local das prestixiosas charlas TED.
A cita contará coa presenza da campioa do mundo de paraduatlón, Susana Rodríguez, entre “outros relatores dos que se irá informando os días vindeiros”, segundo avanzou Ana Prieto, que tamén sinalou que “esta é a primeira vez que se celebran uns relatorios destas características na cidade, dos que na actualidade en España hai concedidas 25 licenzas para o ano 2017, que aparecen recollidas no mapa de ted.com”. As charlas, engadiu, “pivotarán ao redor do talento como ferramenta usada para poñer en valor ideas que paga a pena compartir en diferentes ámbitos, polo que os relatores serán persoas destacadas que dean a coñecer ideas e ferramentas que poidan resultar útiles para a sociedade”.
Como dixemos, o evento porá peche ao obradoiro EmpregaTIC, que conta con 15 alumnos formándose nas áreas de xestión do mercadotecnia, comunicación e desenvolvemento de produtos multimedia interactivos. Por esta razón, tamén se aproveitará a devandita cita e o espazo do MIHL para dar a coñecer o traballo realizado polos mozos e mozas que participaron nos diferentes obradoiros municipais que deron lugar ao EmpregaTIC.
Segundo explicou a concelleira, o aforo está limitado e as entradas para o evento estarán a disposición dos interesados nas vindeiras semanas, que as poderán conseguir a través dun concurso, no que se valorará o talento e a creatividade dos participantes plasmado nun vídeo ou nunha imaxe. As bases do mesmo publicaranse na páxina web www.tedxruasanfroilan.com e nas redes sociais da xornada.

PUBLICIDADE