Tagloo, un novo xeito de atopar e compartir fotografía dende o móbil

martes, 7 de xullo do 2015 Marcus Fernández

En dispositivos móbiles as imaxes están a ter cada vez un maior impacto, o que demostra a popularidade de aplicacións como Instagram, e para aproveitar esa tendencia dende Valencia chega unha nova aplicación para iOS, que en breve contará tamén con versión para Android, chamada Tagloo, que pode descargarse de balde da App Store, e proponse como solución para atopar rapidamente as nosas fotografías no móbil e compartilas dun xeito sinxelo e eficaz.
A ferramenta permite etiquetar e compartir fotografías, de xeito que se etiquetamos a unha persoa nunha fotografía, esa fotografía tamén estará dispoñible dende a súa conta de Tagloo; poden crearse grupos para facilitar compartir fotografías cos amigos, por exemplo, durante unha viaxe; permite organizar, filtrar e atopar fotografías mediante data, localización, persoas ou calquera outra etiqueta personalizada; e tamén permite gardar as imaxes na nube dun xeito seguro e privado.

O proxecto iniciouse en 2014 da man de Álvaro Trénor, Eduardo Sebastián e Raúl Aznar

Sorprendentemente esta plataforma non pretende chegar unicamente de balde aos seus usuarios, senón que de balde ofrece inicialmente a posibilidade de gardar até 1.500 fotografías propias (3 GB de almacenamento na nube) e até 7.500 fotografías compartidas, contando despois cun par de chanzos de pagamento con 20 e 100 GB de almacenamento respectivamente dos que aínda non se coñece o prezo. Un negocio que parece bastante complicado se temos en conta que servizos como Google Fotos poderían suplir boa parte das funcionalidades do servizo contando con almacenamento ilimitado na nube (con poucas limitacións).

PUBLICIDADE