Talkase, un fino teléfono de respaldo para o iPhone

martes, 28 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Un novo proxecto en Kickstarter consegue trunfar varias semanas antes de rematar a súa campaña de captación de fondos, principalmente pola orixinalidade e utilidade da súa proposta, xa que a californiana WirelessMe quere facer realidade un pequeno e delgado teléfono móbil GSM que poida empregarse como respaldo do noso teléfono principal, sen apenas ocupar espazo, xa que propoñen que poida transportarse nunha funda especial para iPhone 5S/6/6 Plus.
O Talkase sería un teléfono móbil cunhas dimensións moi semellantes ás dunha tarxeta de crédito (cun grosor de 5,5 milímetros), que podería funcionar como un terminal GSM autónomo (ten unha rañura para tarxetas micro SIM) ou conectado ao noso smartphone a través de Bluetooth (o que permitiría tirar proveito da nosa liña habitual e axenda de contactos). Con este teléfono distribúese unha carcasa para iPhone que, aparte de servir para transportar o Talkase, tamén serve para transportar unha tarxeta SIM (ou un adaptador de tarxetas SIM), a púa para extraer a SIM do iPhone e incluso unha tarxetas de crédito (no caso de non levar o Talkase nese momento).
Ao estarmos ante un teléfono básico, a súa batería pode aguantar até 100 horas en espera e 2,5 horas en conversa, polo que resulta ideal para levar enriba e empregar como teléfono de emerxencia cando teñamos pouca batería no noso smartphone habitual.
Actualmente pode conseguirse un teléfono Talkase cunha funda para iPhone 5S/6/6 Plus por 35 dólares (39,27 euros con portes incluídos), agardándose que comecen a remitirse estes dispositivos aos seus mecenas no mes de decembro.

Talkase tamén pode empregarse enlazándose por Bluetooth co noso smartphone

PUBLICIDADE