Tecnoloxía galega en axuda das persoas con discapacidade motriz
xoves, 14 de xullo do 2011
- Unha alumna do CEIP Seis do Nadal está a probar a ferramenta
Grazas á colaboración desinteresada de dúas
disciplinas tan dispares como son a pedagoxía e a enxeñaría, e ás ganas de axudar
aos colectivos máis necesitados do noso país, unha nena do CEIP Seis do Nadal
de Vigo vén de cumprir o seu desexo máis anhelado: poder comunicarse coas
persoas que a rodean, un soño que dista moito dos que poden ter os seus
compañeiros de primaria do colexio e que agora se fai realidade grazas ao
desenvolvemento do VirtualTEC.
O VirtualTEC é unha ferramenta desenvolvida por
Jonathan Juncal, enxeñeiro técnico en Telecomunicación na especialidade de Son
e Imaxe, para o seu proxecto Fin de Carreira, que contou coa axuda do profesor da
Universidade de Vigo, Enrique Costa (como titor do proxecto) e coa directora do
Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela,
coas súas orientacións sobre discapacidade motriz.
- Fátima Mª García Doval, Jonathan e Enrique Costa
Este software vai instalado nun tablet e fai que pola súa pantalla vaian
pasando as diversas opcións de menú que dispón, cunha cadencia que determine o
usuario e que oscila entre os 2 e os 10 segundos. Para acceder a unha opción determinada, o usuario pode pulsar en calquera
punto da pantalla, aumentando os puntos de contacto e a accesibilidade, de
xeito que resulta doado de usar por unha persoa con dificultades de movemento
ás que lle sería complicado limitarse a un só botón.
Segundo lemos no
xornal dixital da Universidade de Vigo (DUVI) a ferramenta permite acceder
a letras (para construír palabras e frases), a números, a símbolos ou mesmo a smileys, “de maneira que o usuario pode expresar de xeito rápido e sintético as
súas emocións”.
- Con sintetizador de voz, permite aos usuarios interactuar coa súa contorna
Tamén conta cun menú de Accións
Frecuentes, que a nai da rapaza “destaca
pola súa utilidade”, ao permitir gardar as accións máis común do día a día
da nena, como ter sede, ter fame, ter sono, querer desprazarse... sen
necesidade de teclear.
Outra das vantaxes do teclado, que por certo está dispoñible en galego,
castelán e inglés, é que se pode instalar en calquera tablet sen características especiais, e ofrece un sintetizador de
voz que transforma en son o texto escrito polo usuario.
Vistos os bos resultados acadados inicialmente con esta alumna, os seus
creadores subiron a aplicación a Android Market, onde está dispoñible de balde
para que calquera persoa con necesidades similares o poida usar no seu trebello
móbil. Neste sitio, asemade, os investigadores deixaron o seu contacto para que
calquera usuario lles poida suxerir melloras ou solicitar adaptacións, de
maneira que se poida seguir avanzando nun campo tan agradecido como é o da
pedagoxía.