Tecnópole Emprende dá acubillo ó deseño dunha pulseira bluetooth para persoas xordas

martes, 8 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Toda empresa xorde dunha idea e, decote, canto menos se asemelle esa idea a algo xa posto en marcha, mellor que mellor. Diso e doutras cousas trata, a fin de contas, a innovación. E diso tamén tratan tres proxectos xurdidos ó abeiro do programa de formación Tecnópole Emprende que arrinca este mércores 9 de abril e que vai encamiñado a converter en realidade (empresa) o que se orixina xeralmente como unha treboada de ideas entre mozos e mozas á procura dun futuro.
Estes tres proxectos presentados por outros tantos emprendedores son –sen dúbida- dos que melloran calquera titular informativo: unha iniciativa sobre o cultivo da oliveira en Galiza (Invatia Research), unha proposta para producir viño desalcolizado (Raisin D´Or) e un proxecto para crear unha pulseira bluetooth para persoas con discapacidade auditiva.
Todas as iniciativas (que acoden a Emprende con outras cinco empresas xa en marcha) participan a partir de mañá no dito programa da Tecnópole de Ourense, a través do que se lles achegará (entre outras cousas) formación personalizada para o a posta en marcha do seu plan de negocio amais dun niño de balde no viveiro do parque tecnolóxico durante os seus seis primeiros meses de vida dos proxectos.
Respecto á proposta para a creación dunha pulseira intelixente, proposta de I+D que das tres devanditas é a que máis preto nos toca tematicamente nesta web, cómpre dicir que empregará tecnoloxía bluetooth (sen fíos) para achegarlles ás persoas con discapacidade auditiva máis e mellor comunicación co seu contorno. “Dado que estas persoas teñen limitada a súa capacidade para a comunicación oral”, sinala a Tecnópole nun comunicado, “a pulseira, dotada de sistema de vibración e pantalla, está deseñada para establecer comunicación sen fíos con calquera outro dispositivo dotado con bluetooth”.
Neste intre estase a programar xa unha segunda fase de deseño para integrar na pulseira unha memoria que posibilite o transporte e a transferencia de arquivos, mesmo sonoros e audiovisuais, mediante a conectividade sen fíos.

PUBLICIDADE