Telefónica I+D estrea o primeiro vestido intelixente que repara nas nosas emocións

martes, 24 de novembro do 2015 Redacción

Esta semana presentábase no Centro de Barcelona de Telefónica I+D (a empresa de investigación, desenvolvemento e innovación do Grupo Telefónica) o primeiro prototipo de vestido intelixente, o Environment Dress, que captura información sobre elementos da contorna e analiza como afectan á conduta e emocións das persoas. Mediante a recollida de datos sobre a temperatura, as radiacións infravermellas ou ultravioletas, o monóxido de carbono ou o ruído, entre outros, o Environment Dress determina a que parámetros ambientais está sometido o usuario e alértalle da elevada presenza de axentes externos.
O Environment Dress xa recolle estes datos e prevese que axiña se xeolocalizen e compartan cos usuarios a través de internet para que sexan accesíbeis de xeito global. Os creadores tamén están a traballar nunha aplicación móbil encamiñada aos portadores do vestido para xestionar e personalizar os seus parámetros (luces, sistema de alarmas, etc.). Asemade, o vestido tamén traballa para o usuario, pois poderá indicar como se sente en cada intre e a través do denominado machine learning o vestido irá aprendendo das medicións que realiza e asociaraas cos estados de ánimo e emocións do usuario. Isto implica que nun futuro poderá predicir certos estados de ánimo e asocialos con cambios que se producen na contorna (máis ruído, variación de presión atmosférica...).
Cómpre subliñar que o wearable, creado con hardware e software aberto, é o proxecto gañador do Next Things 2015- Conduta, o Cuarto Desafío Global de Arte e Tecnoloxía impulsado por Telefónica I+D e LABoral Centro de Arte e Creación Industrial (plataforma aberta de investigación, produción, difusión e interpretación das formas culturais, que xorden do uso creativo das novas tecnoloxías) para potenciar a interacción entre arte, creatividade e tecnoloxía. A proposta foi premiada por axuntar arte, moda e estilismo- con tecnoloxía sensorización da contorna-, así como pola innovación que supón no eido da Internet das Cousas.
E quen está detrás do vestido intelixente? Os creadores María Castellanos e Alberto Valverde, artistas e investigadores da Universidade de Vigo, desenvolvérono durante seis meses en Xixón e Barcelona.
O prototipo final estará dispoñíbel a partir de xaneiro de 2016, intre no que tamén se publicarán as instrucións para a fabricación do Environment Dress na páxina web do proxecto para que os usuarios poidan crear os seus propios traxes. Para os máis interesados, un prototipo do vestido pode verse na exposición Materia prima. Experimentos en arte dixital e ciencia, que actualmente se amosa en LABoral Centro de Arte e Creación Industrial (Xixón).

PUBLICIDADE