Telefónica crea un club cos máis puxantes talentos dos xogos electrónicos, Movistar Riders

martes, 10 de xaneiro do 2017 Redacción

Telefónica vén de informar dunha serie de medidas para impulsar, a través de Movistar, a súa vertente de negocio e contidos baseada nos xogos electrónicos. Con este fin, asinou un acordo estratéxico coa compañía ESL, referente a nivel mundial neste ámbito dos eSports, e deu forma a unha plataforma de contidos exclusivos para a contorna dixital e para Movistar+. Ademais, creou un club profesional de deportes dixitais, Movistar Riders, que terá sede de seu e que servirá de lanzadeira e acubillo para “os novos talentos e promesas”, contándose para isto con apoio técnico e adestramento especializado (ao xeito dos grandes clubs). A aposta da operadora por este eido do lecer dixital non é nova. De feito, leva anos colaborando nos grandes eventos de eSports, impulsando parties e fornecendo de fibra avanzada as máis reputadas probas.
Polo que atinxe á alianza entre Telefónica e ESL, ten o obxectivo de “reforzar o impulso actual dos xogos electrónicos no territorio estatal”. Ambas as entidades sumarán as súas capacidades co fin de fortalecer as probas amateur e de profesionais en España, amais de “atraer o mellor talento e desenvolver actividades e programas para todos os niveis de competición”.
Polo que atinxe ao segundo dos alicerces desta nova estratexia de Movistar, a plataforma de contidos, sinalar que estes terán difusión en todas as canles (medios dixitais, redes sociais e televisión) e serán integrados na oferta actual de deportes de Movistar+, “fornecendo aos seareiros un escaparate incomparábel para gozar e sentir a emoción desta disciplina dunha forma inédita en España”. Desta maneira, Movistar eSports (no dial 29, dentro das plataformas de IPTV e DTS) achegaranos ás grandes citas deste deporte (ESL ONE, ESL INTEL EXTREME ou ESL MASTERS SERIES) e a cada un dos 13 torneos previstos para este ano que comeza. Por outra banda, en Movistar Deportes 1 (Dial 55) e Movistar Deportes 2 (Dial 56) os fans poderán gozar de franxas específicas de contido eSports.
A maiores, desde Movistar crearase unha plataforma dixital que garanta que os seareiros dispoñan en todo momento “dun lugar na Rede onde poder consultar as últimas novidades ou a programación; gozar do contido audiovisual; adquirir os seus xogos favoritos; participar en concursos, ou gozar de vantaxes, descontos, etc”.
Ao mesmo tempo, Movistar creou Movistar Riders, un club deportes electrónicos formado por varios equipos profesionais de videoxogos, onde os novos talentos poderán desenvolver a súa carreira deportiva, “con todo o apoio técnico e a preparación física requirida”. O club terá unha sede física, Movistar Gaming Center, un centro de alto rendemento que ademais de ser o lugar de adestramento dos equipos Movistar Riders, será o punto de encontro de profesionais, xogadores e fans. Movistar Riders, que terá a estrutura propia dun club deportivo profesional, arrinca con cinco equipos, que vestirán o equipamento oficial do club, nos seguintes xogos: Overwatch, Hearthstone, Counter Strike: Global Offensive, Call Of Duty e League Of Legends.

PUBLICIDADE