Telefónica distribuirá en Europa un reloxo que mantén en contacto a pais e fillos durante todo o día

mércores, 4 de marzo do 2015 Redacción

Telefónica anunciou dende o Mobile World Congress que se celebra estes días en Barcelona a comercialización en Europa e América Latina dun trebello-reloxo para favorecer seguridade nas familias. Máis polo miúdo, trátase do dispositivo intelixente FiLIP, un enxeño que conecta a pais e fillos e que lles permite estar en contacto durante todo o día e chamarse decontado en caso de emerxencia. A tecnoloxía en cuestión (tipo wereable), que vén da man da compañía Filip Technologies, inclúe teléfono e localizador. Segundo conta Telefónica, o dispositivo xa tivo un gran éxito en Estados Unidos.
Deseñado para nenos de idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos, FiLIP combina as tecnoloxías GPS, Wi-Fi e GSM. As características de FiLIP inclúen, entre outras, localización, chamadas de voz ou o envío de mensaxes directamente aos nenos. Segundo informa a operadora, “o adulto mantén o control en todo momento grazas a unha aplicación instalada no seu teléfono intelixente e elixe cinco contactos de confianza cos que os fillos poden comunicarse”. FiLIP permite tamén que os pais establezan "zonas seguras" de tal xeito que reciben unha alerta se o cativo en cuestión entra ou sae das áreas delimitadas. FiLIP incorpora tamén un botón de emerxencia que ao ser premido polo neno activa un procedemento intelixente de emerxencia que permite localizalo e chamar sucesivamente a todos os contactos de emerxencia, previamente seleccionados pola nai ou pai, até que algún conteste.

PUBLICIDADE