Telefónica duplica beneficio no primeiro semestre do ano

xoves, 30 de xullo do 2015 Redacción

Son días de presentacións de contas e de novidades importantes entre as operadoras e as asociacións de usuarios dos seus servizos, que tamén. Este martes é a quenda de Telefónica, que amosou os seus números relativos á primeira metade de 2015. Alén da maré de cifras do informe e como conclusión máis ou menos definitiva albíscase unha situación de meirande estabilidade no relativo aos ingresos. O dato principal, con todo, é que o beneficio da operadora duplicouse entre xaneiro e xullo até os 3.693 millóns de euros, estendéndose a previsión de medre para o conxunto do ano. No segundo trimestre os beneficios foron de 2.966 millóns.
No que atinxe á fibra, un dos principais motores deste avance (o maior dos dados no último lustro), Telefónica conta xa con 1,7 millóns de clientes. Segundo informa a compañía, as cifras neste ámbito terían sido máis salientábeis “senón fose pola folga de instaladores”.
No que respecta á oferta converxente Movistar Fusión, Fusión+, a empresa dá servizo a 3,9 millóns de clientes e 1,5 millóns de liñas adicionais, representando case o 80% dos clientes de banda larga e o 60% de contrato móbil.
Movistar pechou o trimestre cunha cobertura de fibra de 12,5 millóns de fogares. Durante este tempo a cifra medrou en 1 millón de fogares. En clientes de móbil, a operadora conta con 17,3 millóns de usuarios, un 3% menos que no mesmo período do ano pasado. Porén, a operadora tivo unha ganancia positiva por quinto mes consecutivo. Sinalar tamén que a cobertura 4G LTE de Movistar abrangueu ao 62% da poboación en xuño de 2015, catro puntos por riba da achegada no mes de marzo.

PUBLICIDADE