Telefónica ofrece ás empresas os servizos da súa plataforma Big Data con tecnoloxía de HPE

mércores, 26 de abril do 2017 Redacción

Telefónica vén de habilitar ao servizo das grandes empresas os servizos da súa plataforma de Big Data Hortonworks de Hadoop, sustentada na tecnoloxía de Hewlett Packard Enterprise (HPE). O obxectivo desta achega é permitir que as compañías poidan “optimizar os seus datos sen necesidade de investir en infraestruturas e asesoramento”. Isto, sostén a operadora, emprazará ás empresas nunha máis óptima situación para mellorar os seus recursos e procesos, axilizar a toma de decisións ou emprender desafíos novos. En definitiva, trátase de fornecelas de metodoloxías accesíbeis para subirse ao carro da chamada Industria 4.0 (máis eficaz, máis eficiente, máis sustentábel e máis capacidade para facer máis con menos).
A accesibilidade e a dispoñibilidade son as claves da iniciativa. De feito tanto Telefónica como HPE manifestaron que son conscientes das dificultades das grandes compañías para emprenderen proxectos de aproveitamento da información inxente nas redes e servidores, “debido á súa complexidade, á súa heteroxeneidade e á rapidez con que se actualiza a tecnolóxica deste sector”. O servizo de Telefónica, porén, proporciona ás empresas “unha oferta homoxénea, coa flexibilidade precisa para aumentar a capacidade contratada segundo medra o volume dos seus datos a procesar”, informa a operadora, engadindo que a dita plataforma de Hadoop ten dúas funcionalidades básicas, por unha banda permitir a colleita e almacenaxe de todo tipo de información (un acubillo único) e pola outra guindar procesos de transformación de datos.
Ademais, Telefónica fornece ás grandes empresas consultoría tecnolóxica para “manter os seus procesos de xestión e extracción de datos sempre actualizados, así como servizos de analítica avanzada coas aplicacións que mellor se adapten ás súas necesidades”.
Lembrar que a plataforma de datos Hortonworks de Hadoop é un recurso aberto, open source, despregado sobre equipamento de HPE e aloxado no Alcalá Data Center, desde onde Telefónica opera, monitora e administra a infraestrutura.

PUBLICIDADE