Telefónica podería estar a piques de comercializar conexións simétricas de 200 Mbps por fibra óptica

luns, 22 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O diario Expansión está a facerse eco duns rumores que apuntan a que Telefónica, para contrarrestar a oferta de banda larga de Vodafone agora que a compañía británica está a controlar o operador de cable ONO, estaría a ultimar o lanzamento dun servizo de banda larga por fibra óptica a través do que ofrecerían conexións simétricas a 200 Mbps, que para 2015 poderían chegar a velocidades de 1 Gbps, o que supón unha impresionante mellora das conexións actuais de 100 Mbps/10 Mbps, xa que multiplicarían por 10 a velocidade de baixada e por 100 a de subida.
Para conseguir estas novas velocidades Telefónica adoptaría a tecnoloxía NGPON1 subministrada pola compañía chinesa Huawei, aínda que limitaríase ás zonas nas que actualmente contan con infraestruturas de fibra óptica de Telefónica (que chega actualmente a uns 2,2 millóns de vivendas).
Este tipo de conexións non son ningunha novidade mundial, xa que en países como o Xapón xa as ofrecen comercialmente dende 2008, e os prezos non resultan nada disparatados, podendo contratarse unha conexión simétrica doméstica de 1 Gbps por 5.200 iens/mes (37 euros) ao que poderiamos engadir teléfono e televisión por só 1.000 iens máis (7,13 euros). Pola contra, en países como Portugal presumían de estrear este tipo de redes en 2009, pero a mesma compañía que a ofrecía ten actualmente como mellor conexión doméstica unha de 100 Mbps/10 Mbps (dando a entender que todo se tratou dunha experiencia piloto que buscaba promocionar as bondades da fibra óptica sen atender a unha realidade comercial).

PUBLICIDADE