Telefónica pon en funcionamento un servizo de intérprete para as empresas

luns, 3 de agosto do 2009 Fernando Sarasketa

Telefónica vén de habilitar un servizo de interpretación encamiñado a favorecer as comunicacións entre as empresas e os profesionais que desenvolven o seu labor en diferentes recantos do mundo e que, malia a distancia (ou precisamente por ela), necesitan estar en permanente diálogo. A achega, que se basea nun mediador que emprega como lingua nativa a do idioma do destino, precisa da descarga dunha aplicación na web de Telefónica, posibilitando logo a intercomunicación entre 51 linguas, oferta suxeita a espallamento en función das necesidades dos usuarios.
O servizo, que vén incorporado no catálogo de Resposta Profesional de Telefónica, conta co apoio tecnolóxico da firma Dualia, firma especializada no eido lingüístico-tecnolóxico e da que procede, precisamente, a plataforma que fai posible a solución. Por certo que a esta accédese a través dun biauricular propio con saída dupla de micrófono e auricular conectados a un terminal móbil ou directamente mediante calquera dispositivo telefónico fixo. Detrás de todo este despregue tecnolóxico atópase o humano: os intérpretes profesionais de Training Services & Technologies. O servizo ficará accesible para clientes con móbil ou con fixo.

PUBLICIDADE