Telefónica reforza a cobertura de banda larga no rural compostelán

luns, 21 de abril do 2014 Redacción

Máis de dous mil seiscentos veciños do contorno rural da cidade de Santiago de Compostela poderán acceder á Internet de calidade trala conclusión neste concello, por parte de Telefónica e dentro do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia, dos traballos de despregamento da tecnoloxía UMTS (3G).
Os núcleos de poboación beneficiados no despregue son os de Lobio, Sobríns, A Torre Branca, Pousada de Bando, Zaramacedo, A Casanova, A Figueira, A Igrexa de Busto, Neiro de Abaixo, Ramelle, O Eixo de Arriba, A Aldea de Abaixo, Piñeiro da Enfesta, Reboredo, A Igrexa de Fecha, Vrins, A Cova, Codesedas, Correxíns, Folgoso, Marmacou, As Moas de Arriba, Piñor, A Portela de Figueiras, Xulacasa, A Igrexa de Grixoa, Marzo de Abaixo, Marzo de Arriba, Miramontes, A Valiña, A Barcia, O Casal de Larado, Santomil, Vilar de Marantes, Amarelle, Requesende, San Paio, Son de Abaixo, Bar de Arriba, San Paio do Monte, Sarela de Abaixo, Aradas, O Bargo e Pardaces de Abaixo. En todos eles poderase acceder á Internet con velocidades de 7 Mbps.
A tecnoloxía empregada por Telefónica é a UTMS (3G) na banda dos 900 Mhz., con grande capacidade de propagación en zonas rurais orograficamente complexas. Deste xeito, ademais de poder contratar o acceso á Rede, no entorno dos devanditos núcleos de poboación mellorará sensiblemente, ou activarase por vez primeira, a cobertura de datos en mobilidade.
O despregamento en Santiago de Compostela forma parte das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para dotar de cobertura a todos os galegos en 2015. Esta acción, adxudicada a Telefónica en setembro de 2011, ten como obxectivo facilitar o acceso á Rede de 11.300 novos núcleos de poboación galegos sitos en zonas de Galicia de especial complexidade orográfica, e nos que viven 250.000 persoas.

PUBLICIDADE