Telefónica remata o seu despregue de tecnoloxía 4G en Vigo

luns, 2 de marzo do 2015 Redacción

Manuel Alonso, director da operadora en Galicia

Telefónica vén de informar do estado de cousas da súas tecnoloxías avanzadas de conexión en Vigo. Segundo relata a operadora no seu parte TIC, a cidade galega conta dende este mes de marzo con tecnoloxía 4G en todas súas rúas e barrios, “grazas ao despregamento efectuado por Telefónica durante os últimos meses e para o que dotou con tecnoloxía de banda ancha ultrarrápida móbil a 42 das estacións base urbanas xa existentes que até o momento traballaban con redes 2G e 3G”, explica a compañía de telecomunicacións, que engade que os traballos complementáronse coa conexión das estacións base á súa rede de fibra óptica. Con isto, sinala a empresa, mellorouse o servizo de transmisión de datos grazas á meirande marxe de flexibilidade e de capacidade de adaptación deste medio de transporte.
En conclusión, “o cen por cen dos habitantes de Vigo poden gozar xa de velocidades de navegación en Internet de até 100 Mbps, que fan posíbel a descarga e o intercambio instantáneo de arquivos como música, contidos de alta definición ou sacarlle o máximo partido aos videoxogos en liña”.
Segundo engade a operadora, o seu compromiso por modernizar a rede móbil estatal (compromiso incluído no seu plan estratéxico a curto, medio e longo prazo) seguirá a dar froitos en datas vindeiras noutros puntos da xeografía galega. Así, a empresa continúa arestora estendendo 4G e ampliando o número de estacións base en servizo que contan coa dita tecnoloxía. Isto implicará “un aumento da cobertura en interiores e unha maior capacidade da rede, o que permitirá a Galicia estar preparada para o previsíbel incremento nos vindeiros anos do uso de terminais 4G e da demanda de datos”, engade a operadora.
Para Telefónica, o remate dos ditos traballos de fornecemento de infraestrutura en Vigo supón un paso diante nos programas da empresa para afianzar tecnoloxías ultrarrápidas en Galicia, uns programas que nos últimos anos levaron á firma “a realizar un importante esforzo investidor en comunicacións móbiles”. En termos concretos, este ano 2015 Telefónica anunciou que investirá máis de 16 millóns de euros para levar 4G ao 87% dos galegos, tendo xa operativas nas grandes cidades de Galicia máis de 150 estacións base con banda larga móbil ultrarrápida.

PUBLICIDADE