Televés achegará tecnoloxía de seu para optimizar a calidade da TDT ante o espallamento da 4G en Reino Unido

mércores, 17 de abril do 2013 Redacción

A filial británica de Televés, Televes Corporation UK, é unha das compañías elixidas para fornecer filtros RF de alta calidade á marca local AT800 co obxectivo de mitigar potenciais interferencias das emisións da cuarta xeración de telefonía móbil (4G) na televisión dixital terrestre (TDT). Lembrar que AT800 é propiedade de Digital Mobile Services Limited (DMSL), a organización responsábel de asegurar que os espectadores británicos sigan a recibir o sinal da TDT en perfectas condicións unha vez que os servizos móbiles 4G sexan lanzados leste mesmo ano, empregando para iso a banda dos 800 MHz.
Ofcom, o regulador independente e autoridade da competencia da industria británica das comunicacións, estimou que como máximo o 10% dos fogares británicos necesitará complementar o seu equipo de recepción para asegurarse a calidade do sinal de televisión cando os servizos 4G estean operativos. Estes fogares, informa Televés, recibirán un filtro AT800 de balde, para incorporalo ao seu equipo receptor antes de que poidan producirse problemas de interferencias. A firma Televés, gañadora do concurso de achega de filtros, encargarase como dixemos de dispor os filtros RF de alta calidade. Para obter esta oportunidade, a firma compostelá informa que “fixo valer a calidade do seu produto, especificamente deseñado para o fin que se persegue, e a súa capacidade de fabricación, xa que debe atenderse unha alta demanda nun breve período de tempo”. E prosegue Guillermo Fernández, director xerente de Televés UK: “Para a nosa filial, a adxudicación do contrato de DMSL supón un fito moi importante, xa que nos introduce e sitúa no negocio dos operadores de telefonía móbil de cuarta xeración e identifícanos como axentes relevantes tanto na evolución da TDT como na transición a 4G no Reino Unido”.

PUBLICIDADE