Tesla pon en marcha un certame arredor do mítico xogo Asteroids

martes, 13 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Tesla Technologies, empresa galega de recente creación da que falamos hai uns días para dar conta da súa homenaxe en liña ao científico que lle dá nome, vén de habilitar na súa web un concurso en liña baseado en Asteroids, lenda vivinte dos videoxogos, co fin de pór en marcha unha competición entre a comunidade internauta galega. O xogo e o certame en cuestión (que comeza este martes e fica aberto até o 16 de maio) son froito da excelente resposta que tivo unha achega previa de Tesla ao abeiro da súa cabeceira. Falamos da versión de seu do Space Invaders, outro deses xogos que a moitos de nós se nos virían á cabeza no caso de que alguén nos fixera unha enquisa sobre o máis clásico do clásico.
Agora, informa EGANET (asociación na que se integra Tesla) a empresa volve á carga co seu propio concepto de Asteroids e un certame complementario no que poderemos ir facéndonos un oco no caso de acadar unha das dez puntuacións máis altas.
Segundo nos contan, a verdadeira natureza do galardón do concurso fica aínda sen desvelar, non así a xornada elixida para o sorteo: o 17 de maio, Día das Letras Galegas. O único que se nos pide para participar no certame é ser seareiros do Twitter oficial de Tesla Technologies e publicar os resultados a través desta rede social -o tuit xérase de xeito automático ao rematala partida. Deste xeito, a empresa aumentará tamén a súa presenza na rede social, engaden.
O resultado final do sorteo será anunciado o 17 de maio no Twitter de Tesla Technologies e na propia páxina web, e tamén se lle comunicará ao gañador ou gañadora a través da súa conta de Twitter.

PUBLICIDADE