The Greatest Case busca facilitar o uso de teléfonos grandes con mans pequenas

luns, 23 de marzo do 2015 Marcus Fernández

The Greatest Case é unha orixinal funda para teléfonos móbiles que está a procurar financiamento en Kickstarter e busca solucionar o problema de ergonomía que teñen os terminais con pantallas de grande tamaño ao empregalos cunha soa man (especialmente por parte dos usuarios con mans cativas). Trátase así dunha funda impresa en 3D que distribuirán para iPhone 6 Plus e Galaxy Note 4, e que permitirán mudar o xeito de soster os terminais cunha única man mediante unha curiosa estrutura que engade á parte traseira dos smartphones, que permiten que non haxa que abarcar o ancho completo do teléfono para sostelo coa man, o que libera o dedo polgar para poder chegar á pantalla completa do teléfono.
Este accesorio comezará a remitirse aos mecenas no mes de maio, e partirá dun prezo de 29 dólares (26,51 euros) para o modelo negro, mentres que a versión de cobre e plástico elevaría o seu prezo até os 39 dólares (35,66 euros). Estamos así ante un proxecto moi modesto que completou rapidamente o seu financiamento, e que poderá chegar así ao pequeno grupo de usuarios que demandan unha solución deste tipo, e que ven como o micromecenado pode facela realidade.


Vídeo de presentación da campaña de micromecenado de The Greatest Case

PUBLICIDADE