The Room organiza varias actividades formativas no verán sobre ilustración gráfica e videoxogos

venres, 3 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A escola creativa The Room da Coruña (concretamente na Aula Cromática sita no Paseo das Pontes 2, 1º derecha) está a ofrecer unha serie de cursos intensivos de grande interese durante as vindeiras semanas, nos que a ilustración por ordenador e o desenvolvemento de videoxogos cobran un grande peso.
O vindeiro luns, e até o 29 de xullo desenvolverase os luns e mércores de 19:00 a 21:00 horas un curso de Photoshop Intensivo, que pretende achegar as ferramentas para aprender a manexar a popular solución de retoque e edición fotográfica de Adobe en só 16 horas e que será impartido polo ilustrador Bernal Prieto.
O martes, e até o xoves 30 de xullo, celebrarase os martes e xoves de 19:00 a 21:00 horas o curso Ilustrando Videoxogos 2D, no que o ilustrador Jorge Peral (quen actualmente traballa no desenvolvemento do xogo Cain de Gazpacho Games), abordará o proceso de creación de sprites en pixel art, indo dende a arte conceptual até o gráficos finais e as súas animacións.
O sábado 11 de xullo Iñaqui Quenerapú encargarase de impartir de 10:30 a 14:00 unha clase mestra titulada Crea o teu portafolio dixital na que explicará a ilustradores, debuxantes, fotógrafos ou deseñadores gráficos como realizar un portafolio dixital de seu para amosar o seu traballo na Internet.
O sábado 18 de xullo, de 11:00 a 14:30 horas, Miguel Robledo impartirá a clase mestra Ilustración e Cor Dixital, na que explicará distintos xeitos de traballo para abordar o proceso de coloreado dixital en Photoshop.
Os martes e xoves entre o 4 e o 27 de agosto Víctor Fernández (Gazpacho Games) será o encargado do curso Deseño de mecánicas de videoxogos, no que introducirá na disciplina do Game Design, expondo os fundamentos básicos do deseño de videoxogos, como a formulación de dinámicas, como facer que sexa divertido e incluso as ferramentas e procedementos para crear un xogo de calidade.

PUBLICIDADE