Todo listo para o comezo da gran cita galega dos argalleiros tecnolóxicos: Maker Faire Galicia

xoves, 29 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

Participantes na primeira edición do evento celebrada, tamén, en Compostela

Esta fin de semana que vai do 1 ao 2 de outubro os composteláns teñen unha cita coa filosofía do no limits aplicada ao desenvolvemento de aparellos, servizos, solucións de transporte alternativo ou aplicacións. Ou sexa, un encontro con ese xeito tan saudábel de entender o mundo que consiste en non poñernos atrancos para facer calquera cousa que se nos antolle. Esa é a base do espírito Maker (o movemento internacional das/os creadoras/es tecnolóxicos que reivindican a capacidade de todos e cada un de nós para facer tecnoloxía e contribuír a facer un mundo mellor a través dela) e esa é tamén a base do evento Maker Faire Galicia ques e celebra esta finde no Pazo de Congresos compostelá.
Lembrar que a primeira edición da Maker Faire Galicia celebrouse en outubro de 2015, no centro comercial Área Central de Santiago, contando coa colaboración do Departamento de Promoción Económica do Concello. Esta primeira convocatoria foi quen de xuntar 138 makers. Ademais, asistiron como público arredor de 18.000 persoas.
Agora, para a segunda entrega do evento, consolídase a arela de convertelo nun evento anual, referente, que “sirva de punto de encontro para a comunidade creadora, potenciando unha Galicia innovadora e colaborativa”, segundo palabras do Concello de Compostela, que sinalou hai uns días que a fórmula de Maker Faire Galicia consiste “en reunir nun mesmo espazo e tempo a persoas que fan cousas incríbeis e están dispostas a partillalas co público”.
O programa da feira será do máis variado, tocando diferentes paus que teñen un marcado aquel de complementariedade. Serán, de feito, dous días de actividades e presentacións de proxectos sobre robótica, impresión 3D, gastronomía, electrónica, artesanía, música e arte urbana, entre outras moitas cousas. Ademais haberá espazo para obradoiros, mesas redondas, presentación de proxectos, espectáculos e actividades para todos os públicos. A intención é ir alén das/os 150 makers participando no evento.
O movemento Maker
Trátase dunha corrente de creación e de activismo tecnolóxico que xunta, baixo un mesmo teito, un crecente número de persoas de distintos perfís que acreditan ao máximo na filosofía de traballar en mancomún cun mesmo obxectivo. Este obxectivo adoita ser construír tecnoloxías únicas e innovadoras que soen ter un marcado compoñente social ou solidario, ou de utilidade para o común da xente, ou para colectivos en risco. A cultura Maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está a impulsar a posta en marcha de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces, Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento.
En definitiva, o termo Maker está ligado ao desexo de facer cousas coas nosas propias mans, o concepto chamado “faino ti mesmo” (coñecido polas siglas “DIY”, do inglés “Do It Yoursel”). O termo vén da man de Dale Dougherty de O’Reilly Media.
Estas novas metodoloxías tamén aceleran a posta en marcha de novos e prometedores perfís profesionais (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis), de novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos (e que son accesíbeis a todas e todos a través de Internet) e, tamén, de novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas. É o caso, precisamente, da Market Faire Galicia.

PUBLICIDADE