Traballo promove a cultura emprendedora a través de Facebook e Tuenti

venres, 11 de novembro do 2011 Redacción

A rede social Anímate a emprender. Cooperativízate posta en marcha este verán pola Consellería de Traballo e Benestar conta en catro meses con máis dun millar de seguidores e alcanzou 110.000 visualizacións.
A iniciativa, que está presente en Facebook, e na rede da mocidade Tuenti, ten por obxectivo promover a cultura emprendedora a través do cooperativismo e as novas tecnoloxías. Trátase dunha rede en galego, operativa todos os días do ano e ao servizo das máis de 1.100 cooperativas presentes en Galicia. En Facebook, xa se acadaron as 110.000 visualizacións e os seiscentos comentarios, mentres que Tuenti vai á cabeza en número de seguidores
Na Rede, ademais de darse a coñecer e promover as sociedades cooperativas de Galicia, tamén se informa sobre as últimas novidades, cursos, xornadas ou eventos relacionados co cooperativismo e o emprendemento. Son os casos do Día do Cooperativismo, a nova Lei de Cooperativas, o proxecto I+Coopera, a Plataforma de Teleformación do Consello Galego de Cooperativas ou as distintas actividades encadradas na Rede Eusumo.
Anímate a emprender, Cooperativízate! ten como finalidade facer unha chamada ao emprendemento e ao traballo en equipo, e máis no actual contexto de desemprego, aínda que tamén constitúe unha canle ao servizo das máis de 1.100 cooperativas existentes na Comunidade galega. A propia dinámica da rede social salienta algúns dos valores máis senlleiros do cooperativismo, caso da participación, a transparencia, a opinión aberta e a igualdade democrática.
A rede social conta cunha páxina de benvida con ligazóns ao manual de autoemprego e cooperativismo, ao mapa do cooperativismo en Galicia e tamén ás portadas das webs de O Cooperativismo no Ensino, o Consello Galego de Cooperativas ou a Rede Eusumo.
Tamén conta cunha asesora virtual para procedementos relacionados coa posta en marcha dunha cooperativa. O Facebook, ademais, contén pestanas con fotografías, vídeos e próximos eventos.
Pola súa banda, o Tuenti de Anímate a emprender. Cooperativízate! está máis dirixido á mocidade. Trátase dunha rede integrada fundamentalmente por un público de entre 14 e 25 anos, polo que se fomenta o cooperativismo dende o máis básico concepto de cooperar dirixido a escolares, ata o cooperativismo entendido como alternativa laboral de emprendemento para aqueles que saen ao mercado laboral por primeira vez. Tamén contén fotografías e vídeos, e informa dos eventos máis interesantes para a xente nova.
En definitiva, a rede quere achegar o cooperativismo e a economía social aos máis novos desde un punto de vista máis didáctico e lúdico, fomentado a interactividade a través de concursos ou xogos como Perdidos en Cooperalia, que lembra á famosa serie Perdidos e promove a cooperación como proposta para xerar emprego.

PUBLICIDADE